Make your own free website on Tripod.com

CARTA Á COMUNIDADE EDUCATIVA
DE FALA CEIBE DO BIERZO
CURSO 2002-2003


A Comisión de Seguimento do Acordo de colaboración
para a implantación do ensino do galego entre a Xunta
de Galicia e a Junta de Castela e León, reunida o 13
de xuño do 2002, estableceu os nosos centros
educativos do Bierzo occidental que impartirán clases
desta lingua neste curso 2002-03. Concretouse o ensino
do galego nos centros escolares de infantíl e primaria
de Toral dos Vaos, toral de Meraio, Vilafranca do
Bierzo, Camponaraia, A Ponte Domingo Flórez, e nos
institutos de secundaria "Sarmiento" de Vilafranca,
"Bérgidum" de Cacabelos e "Europa" de Ponferrada, así
como na Escola oficial de idiomas . A todo isto hai
que engadir os centros públicos de Carucedo, Corullón
e Cacabelos que xa impartiron clases de galego no
pasado curso 2001-02.

Fala Ceibe valora positivamente o medre da
aprendizaxe da lingua galega no Bierzo occidental a
nivel do alumnado afectado (pasando de 156 a 350), do
número de centros escolares, das etapas educativas
implicadas e da extensión territorial. Esperamos que
esta nova dinámica educativa se desenvolva con total
normalidade no período 2002-03, evitando calquera
incumprimento respecto aos prazos de execución e á
disponibilidade axeitada dos medios persoais,
pedagóxicos e financeiros.

Fala Ceibe entende que non resulta lóxico nin
pedagóxico que o profesorado desenvolva o seu labor
educativo sen ter en conta o contexto sociolingüístico
do Bierzo occidental. O galego está moi presente na
fala da poboación deste territorio, directamente como
tal lingua comarcal ou mesturado coa castelán (nos
niveis léxico, morfolóxico,sintáctico e fonético). Por
iso os centros educativos non debne permanecer alleos
ante esta realidade sociolcultural propia, todo o
contrario, a súa permeabilidade é a mellor forma de
lograr a integración territorial e a máxima
rendabilidade escolar. Non se poden pechar as protas
dos colexios e dos institutos para evitar o contacto
coa cultura galegoberciana.A nova corrente educativa
progesita rexeita as intervencións discriminatorias
pasadas cara ao idioma galego do Bierzo occidental.

O alumnado berciano ten dereito a que se lle dea
unha educación integral. neste sentido o idioma
galego, tan asentado na realidade sociocultural do
Bierzo occidental, permite ao alumnado afrontar os
retos do futuro con máis seguridade, sen terque rachar
cos seus vínculos familiar, territorial e lingüístico.
Aaprendizaxe do galego supón unha mellor preparación
persoal e, polotanto, grandes posibilidades de
promoción educativa (elección entre as numerosas
carreiras dos 7 campus universitarios veciños, a
saber, A Coruña, Santiago, Vigo, Ourense, Pontevedra,
Lugo e Ferrol), profesional (consecución dun posto de
traballo público, nas distintas administracións
galegas, ou privado, nas empresas de comunicación, no
comercio, etc), ou internacional (aprendizaxe
posterior do portugués, idioma oficial ne numerosos
estados).

Por último indicar que hai que entender o ensino
da lingua galega dende un punto de vista integral, é
dicir, afectando a todos os niveis educativos. Por iso
vai sendo hora de ofrecer a aprendizaxe do galego a
outros sectores sociais. Así, cremos que se poden
impartir clases desta lingua comarcal, coma unha
materia optativa máis, nos centros de educación de
adultos e tamén na chamada "Universidade da
experiencia" que este curso se implanta por primeira
vez no campus de Ponferrada. As persoas adultas deben
ter este dereito a poder elixir libremente o estudio
da lingua galega.