Make your own free website on Tripod.com

A REIVINDICACIÓN GALEGOBERCIANA ANTE AS ELECCIOIS (MUNICIPAIS E AUTONÓMICAS) DO 25M.

Por Xabier Lago Mestre


No mes de maio hai elecciois autonómicas e locais a nivel do Estado. Esta conxuntura electoral posibilita unha actitude favorable dos diversos partidos ante as queixas e mailos pedimentos dos cidadáns. Semellante acontecemento político debe ser aproveitado tamén pola comunidade lingüística galega do Bierzo occidental. Por iso convén elaborar un programa galeguista pragmático que poida ser asumido por todas as formaciois políticas. Neste tema a Asociación Cultural Fala Ceibe toma a iniciativa reivindicativa comarcal unha vez máis.

O idioma galego debe ter unha mayor presencia nas administraciois locais e comarcal do Bierzo occidental. Porque non se pode seguir profundando na actual discriminación xurídica cos falantes desta lingua no seo das instituciois bercianas. Estas deben protagonizar o proceso de normalización bilingüe, prestando un servicio público igualitario, e así prestixiarán tamén o uso administrativo do galego. Non se entende que hoxe os galegofalantes do Bierzo non poidamos expresarnos libremente no noso idioma territorial ante os ditos entes locais e comarcal.

  Polo que se refire ao Consello Comarcal do Bierzo, resulta ilóxico que a Lei rexional que regula a súa creación non conteña referencia ningunha á lingua galega. Demandar que se recolla a presencia expresa deste idioma territorial no dito Estatuto de Comarcalización é lexítimo, e máis cando tal recoñecemento xa consta no propio Estatuto de Autonomía de Castela e León. Neste sentido tamén reclamamos a inclusión da relación bilingüe (castelán/galego) dos concellos do Bierzo occidental no Estatuto de Comarcalización. Esta proposta en nada contradí a Lei do Réxime Local de Castela e León cando indica que “la denominación de los municipios habrá de ser en lengua castellana” (art. 24.1), pois deste texto non se deduce a única e excluínte validez xurídica da forma castelá fronte á denominación bilingüe dos concellos bercianos.

  A meirande parte dos concellos do Bierzo occidental contan con pouca poboación e con escasos recursos presupostarios, razón pola cal non poden disponer dos medios materiais, persoais e económicos suficientes para desenvolver a necesaria normalización bilingüe. Ante este panorama institucional adverso demandamos a intervención do Consello Comarcal do Bierzo. Esta administración debe asumir dunha vez a competencia lingüística comarcal capaz de complementar as carencias que neste ámbito teñen os concellos. A administración comarcal berciana debe negociar coa Junta de Castela e León un trato xurídico igualitario para os falantes casteláns e galegos, baseándose no recoñecemento legal de ambas dúas linguas no Estatuto de Autonomía desta Comunidade Autónoma (art.4). Ao dito proceso negociador hai que engadir o que se estableza coa Xunta de Galicia, xa que esta ten a obriga legal “de protexe-la lingua galega falada en territorios limítrofes coa Comunidade Autónoma”, segundo a Lei galega de Normalización Lingüística (art. 21.2).

O Servicio de dinamización lingüística comarcal fomentará os usos institucional e social do galego no Bierzo occidental. Este servicio comarcal cooperará en materia lingüística cos entes públicos locais (elaboración bilingüe da documentación, das disposiciois de carácter xeral, da rotulación...). Ademais, tamén asesorará neste tema aos centros escolares, culturais (bibliotecas, museos, etc), sociais (centros de barrio, ceas...), xuvenís (consellos locais e comarcal da mocidade), etcétera. Centralizar o proceso de normalización lingüística institucional no Consello Comarcal do Bierzo é primordial para conseguirmos a maior eficacia posible nesta primeira etapa.

Outros ámbitos sociolingüísticos onde as administraciois locais e comarcal do Bierzo poden intervir a prol do galego son: as novas tecnoloxías da información, o turismo, os medios de comunicación social, o ensino, etc. As ditas instituciois públicas deben favorecer a comunicación teledixital no seo da comunidade galegofalante do noroeste peninsular (páxinas web bilingües, telecentros municipais, etc). En materia turística a intervención pública terá en conta a presencia do galego (folletos bilingües, sinalización de roteiros rurais,etc). Os medios de comunicación social non poden seguir coa actual unívoca liña castelá, e si reflectir o pluralismo idiomático comarcal tan vinculado á liberdade de expresión. As campañas institucionais bilingües deben rachar con esta dinámica mediática uniformizadora.

  Moito resta por facer a nivel institucional para parar os actuais procesos discriminatorios contra a comunidade galegofalante do Bierzo occidental. Pero tampouco se pode negar o avanzado nestes últimos anos en temas como o ensino do idioma galego nos centros escolares ou o progresivo prestixio social desta lingua minorizada no Bierzo. Nesta etapa reivindicativa inicial estamos chantando os alicerces da que agora é difícil recuperación e que nun futuro será consolidación dos procesos de normalización do galego comarcal. Sen embargo, cómpre ser pragmático e entender que a dinámica antigalega dos 5 séculos pretéritos non se pode alterar nun par de décadas de reclamación dos nosos dereitos lingüísticos asoballados. O certo é que, a pesar da discriminación cultural histórica sobre os galegofalantes, seguimos mantendo a capacidade de resistencia lexítima fronte ás inxustizas de hoxe.