CARTA A GALIZA NOVA

DO COLECTIVO FALA CEIBE DO BIERZO.

 

O movemento galeguista no Bierzo está recuperándose paseniño. Sen embargo, o poder político castelán-leonés fai todo o que pode por esmagarmos. Así as actuais políticas culturais uniformizadoras condicionan o desenvolvemento da nosa minoría lingüística. Ademais, sufrimos os ataques antigalegos do ascendente leonesismo político da UPL (partido da Unión do pobo leonés). Cómpre a axuda de Galicia para compensar tal desigualdade na loita reclamativa.

 

Ante esta coxuntura adversa resulta moi dificil reafirmar a nosa dignidade cultural colectiva. Nesta dinámica reivindicativa a recuperación do noso idioma territorial debe xogar un papel salientable. Sen esquecermos ningún eido sociolingüístico no que o galego teña espacio, hai que incidir máis no ámbito educativo. Porque a súa capacidade de socialización da mocidade é moi forte, e polo prestixio que representa para a nosa lingua asoballada. Velaí a necesidade de contar co apoio das organizacións estudiantís galegas (CAE, CAF, Mocidade da MNL. ..) na elaboración de campañas de concienciación específicas para O Bierzo.

 

O galeguismo berciano sabe que non pode loitar só, precisa estreitar os vincallos coas organizacións políticas e culturais da Galicia administrativa. Neste sentido bótase a faltar un maior compromiso político de Galicia co destino reclamativo do Bierzo. Aínda hai moitas dificultades de comunicación interterritorial. Por iso parece lóxico pedir ás ditas organizacións que creen ÁREAS ESPECÍFICAS para a coordinación coa Galicia irredenta. É mester que a problemática deste territorio chegue aos seus órganos de dirección. Os debates correspondentes deben deixar de ser de "segunda categoría" coma ata de agora.

 

O Ano de Castelao esixe reformular as relacións coa Galicia irredenta dende o pragmatismo ideolóxico. Cavilando en que a Galicia estremeira precisa de POLÍTICAS PECULIARES para os territorios do Navia-Eo, O Bierzo e A Senabria. Será fundamental o diálogo coas organizacións afins da Galicia irredenta, incidindo sempre na autonomía na toma de decisións. Hai que fuxir da execución de políticas uniformizadoras para territorios que teñen distintas dinámicas reivindicativas polos seus devir histórico e procesos de conscienciación galeguista diferentes. O colectivo Fala Ceibe está disposto a colaborar estreitamente coas organizacións galegas na recuperación da UNIDADE DE ACCIÓN.

 

A UNIDADE DE ACCIÓN debe concretarse ademais en:

-     A extensión das campañas reivindicativas da Galicia administrativa aos tres territorios irredentos.

-    A axilización da remesa de información interterritorial entre a Galicia administrativa e estremeira.

-    Levar a problemática da Galicia irredenta aos foros políticos e institucionais axeitados (Parlamento galego, Valedor do Pobo, ILGA...

- Principiar proxectos de propaganda comúns (revistas, xornadas, conferencias, etcétera.

 

Colectivo Fala Ceibe.