A LINGUA GALEGA EN INTERNET

 

Xabier Lago Mestre


Para moitos bercianos o idioma galego está asociado á fala dos pobos e dos avós, á toponimia, á literatura oral (lendas, contos, ditos...), á historia e á tradición cultural comarcais ou a unha lingua sen funcionalidade na actualidade. Pero seguro que moitos dos que así opinan se sorprenderían se soubesen da importante presencia que este idioma ten en internet, todo un paradoxo para a nosa lingua minorizada. Neste sentido, o sector da poboación que máis accede á rede global é a mocidade, por iso esta pode desfrutar das vantaxes que ofrece o idioma galego a través das novas tecnoloxías da información.

Esta colaboración escrita pretende facer un pequeño percorrido por algunhas páxinas web en galego que poden resultar de interese para a mocidade berciana. Así, comezamos pola referencia ás direccións das tres universidades galegas, é dicir, Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo (www.usc.es, www.udc.es, www.uvigo.es, respectivamente). Recordamos que son moitos os alumnos bercianos  que ano tras ano acoden aos diversos centros universitarios situados nun total de 7 cidades galegas. Nas ditas páxinas electrónicas podemos atopar toda a información que necesitamos para elixir carreira universitaria.

Outro tema importante para os bercianos é onde podemos estudiar galego de balde. Pois ben, internet ofrece variadas direccións para aprender este idioma sen dificultade. Cursos de galego temos entrando en http://edu.xunta.es/dxpl/egalego.htm tamén en  www.galego21.org/rabade, www.fillos.org/fillos/aprendergalego e www.galiciadixital.com. Agora xa non hai desculpa para aprender a lingua do Bierzo occidental, só falta ter un pouco de paciencia e tempo cun idioma que nos dará moitas satisfaccións.

  Como complemento axeitado para aprender galego convén ler moito nesta lingua. Por iso, recomendamos buscar os libros galegos nas páxinas web http://bvg.udc.es ou www.cirp.es. Pero se queremos saber das últimas novidades editoriais tecleamos www.xerais.es ou en www.editorialgalaxia.es, libros, autores, boletiños de balde... unha completa información ante os nosos ollos pescudadores. Tamén temos xornais electrónicos en galego (www.ocorreogalego.com e www.anosaterra.com). Os que desexedes bos buscadores galegos podedes visitar www.vieiros.com ou www.u-lo.com, seguro que atoparedes todo. Tampouco debemos deixar de escoitar a radio galega en directo, un bo apoio para a aprendizaxe deste idioma, e de consultar o necesario diccionario. Isto e moito máis témolo en www.crtvg.es da Compañía de Radio e Televisión de Galicia.

As afeccións da mocidade berciana tamén están pola música celta ¿non si?.A título de exemplo convidamos a pasarse polas páxinas do gaiteiro Xosé Manuel Budiño (www.xosemanuelbudino.com) ou do grupo de sona Luar na Lubre (www.luarnalubre.com). Unha información completa sobre a cultura galega, arte, comunicación, música, espectáculos, etc, xorde en www.culturagalega.org

Non podemos rematar sen facer referencia ás páxinas electrónicas bercianas en lingua galega ¡que habelas hainas!. As direccións www.elbierzo.com e www.bierzoportal.com posúen informacións no idioma do occidente comarcal. Dúas asociacións culturais do Bierzo teñen as súas páxinas integramente en galego, son Fala Ceibe e maila Escola de Gaitas de Vilafranca, http://falaceibe.tripod.com e www.bierzocultura.com, respectivamente. Agora só resta que vosoutros visitades todas estas direccións porque seguro que atoparedes nelas información en galego de interese. A cultura galega en internet ofrece un mundo cheo de aproveitamento para todos.