Make your own free website on Tripod.com

A MOCIDADE BERCIANA E O GALEGO

Xabier Lago Mestre


En moitas ocasiois os bercianos temos que viaxar máis aló do porto do Manzanal por razois educativas, profesionais ou administrativas, pois ben, hai unha situación que se repite frecuentemente. Refírome a
cando alguén nos comenta "tú eres gallego", e respostamos "no, soy de El Bierzo", mentres que isto mesmo non acontece ao ir a Galicia ¿por que?. Parece claro que o noso acento galego resulta distinto para
os casteláns, identifícannos como falantes de orixe galega. Xa vai sendo hora de tomar conciencia desta realidade sociolingüística, sintámonos orgullosos da nosa identidade cultural galegoberciana.
 
A mocidade berciana non fala galego na súa meirande parte, principalmente porque non se lle permitiu aprendelo nos centros eduativos, situación discriminatoria que comeza a trocar. Agora ben, a
pesar de que a escola socializa maioritariamente en castelán, non se pode negar que a mocidade presenta importantes rasgos lingüísticos galegos a nivel fonético, léxico, sintáctico ou morfolóxico. Isto é
así pola influencia do entorno familiar e veciñal propio das vilas e os pobos do Bierzo occidental.

A incorporación da nosa lingua territorial ao sistema educativo dá un novo protagonismo á mocidade berciana. Os que estudian galego deben prestixiar esta lingua entre os seus compañeiros. Hai que correr a
voz sobre as vantaxes que ten o coñecemento do noso idioma comarcal. O galego permite un mellor acceso aos estudios superiores nas universidades veciñas, poderemos atopar traballo, público ou privado, na Comunidade Autónoma de Galicia. Ademais, comprenderemos os medios de comunicación feitos nesta
lingua, televisión, radio e xornais, así como as novas
tecnoloxías de información, internet, video, CDs, DVD, etc. E disfrutaremos das actividades de lecer, cine, musica, teatro, literatura... Porque a lingua galega está presente xa en calquera manifestación cultural actual.

Aprender o galego significa axudar a recuperar o idioma histórico do Bierzo. Temos que fomentar o noso patrimonio lingüístico, mediante o seu uso continuado, porque así dignificamos a nosa propia comunidade
galegofalante. O importante é perder o medo a falar galego e sentirnos orgullosos da nosa herdanza cultural. A mocidade berciana ten a responsabilidade cívica de protagonizar a normalización lingüística comarcal. A aprendizaxe desta lingua nos centros educativos prestixiará o galego no seu familiar, entre os pais e os avós, e tamén a nivel veciñal, permitíndonos recuperar o diálogo interxeracional perdido. A través desta lingua descubriremos o valor social que posúe o noso patrimonio cultural galegoberciano tan presente no occidente comarcal.
 
O Bierzo e As Portelas de Zamora son territorios da Comunidade Autónoma de Castela e León cun patrimonio lingüístico propio por mor do idioma galego. Que no resto de provincias só falen castelán non debe impedir que os bercianos sigamos comunicándonos tamén en galego. Somos bilingües e debemos seguir así porque nos beneficia
culturalmente. 

Falar galego no Bierzo non pode estar condicionado polo lindeiro político-administrativo entre Galicia e Castela-León. A lingua galega é dos bercianos desde a Idade Media, e o seu futuro está nas mans da
mocidade, sigamos pois o bo exemplo das anteriores xeraciois que souberon transmitírnola. Seguro que a mocidade collerá o testigo que representa manter a nosa herdanza lingüística galegoberciana no século XXI.