O BIERZO E O PLANO XERAL DE NORMALIZACIÓN DA LINGUA
GALEGA.

Fala Ceibe participa na elaboración do Plan de
normalización lingüística de Galicia.


A Dirección Xeral de Política Lingüística da
Xunta de Galicia fai un chamamento aberto a todas as
persoas e á sociedade para propoñer suxerencias en
relación coa elaboración deste Plano de normalización
da lingua galega. A dita asociación cultural do Bierzo
únese a esta iniciativa lingüística e indica que se
debe ter máis en conta a problemática específica do
galego nos tres territorios estremeiros.

O primeiro é comentar que o Plano xeral
menciona a área de "proxección exterior da lingua",
incluíndo no mesmo a referencia ao galego de "fóra de
Galicia" dos territorios Navia-Eo,O Bierzo e As
Portelas de Seabria e tamén da emigración galega en
Europa ou Hispanoamérica. Pois ben, non parece lóxico
unir todas estas comunidades de galegofalantes nunha
mesma categoría. As comunidades galegofalantes dos
tres territorios estremeiros compartimos coa
Comunidade Autónoma de Galicia moito máis que coa
poboación galega emigrante. Así, hai unha
incuestionable continuidade territorial, histórica,
cultural e lingüística entre Galicia administrativa e
os tres territorios estremeiros que non se pode seguir
rachando consciente ou inconscientemente.

No tocante ao Bierzo o fomento do galego
debe incidir dexeito preferente no ensino desta lingua
en todos os niveis educativos presentes na comarca.
Outro apartado a ter presente é o apoio á
normalización lingüística da administración local.
Neste sentido habería que asinar o correspondente
convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia co
Consello Comarcal do Bierzo para elaborar e executar
programas institucionais en materia de lingua galega.
Tamén se debe establecer unha liña de subvenciois
públicas aos medios de comunicación do Bierzo que
utilicen parcialmente a lingua galega, e incluso fixar
correspondentes da televisión e radio públicas galegas
na comarca.