CARTA ABERTA DO C.C. FALA CEIBE DO BIERZO

AOS POLÍTICOS COMARCÁIS

ANTE AS ELECCIÓNS XERAIS DO 12 DE MARZO DO 2000.

 

Hai que animar á clase política comarcal para que tome conciencia da necesidade de protexer e fomentar o idioma galego do Bierzo. Trátase do patrimonio lingüístico propio que conservamos desde a Idade Media. Así o confirman os numerosos estudios sociolingüísticos, filolóxicos e históricos. Esta lingua territorial está moi presente no Bierzo occidental porque forma parte da comunidade galegofalante. Inda hoxe atopamos múltiples manifestacións lingüísticas na fala popular, a onomástica, a toponimia, os rueiros, a literatura oral, as tradicións (os maios, o entroido, o magosto...), o dereito consuetudinario (as veceiras, os montes de man en común...), a música, etcétera.

 

O principal problema da nosa Iingua é a falta de axuda institucional, todo ocontrario do que acontece co resto dos idiomas do Estado. A comunidade galegofálante do Bierzo xa conseguíu o apoio das Cortes Xerais, tanto do Congreso (a favor do ensino voluntario da lingua o 8 de abril de 1997) coma do Senado (recoñecemento do "respecto e protección" do galego no Estatuto de Autonomía rexional o 18 de decembro de 1998). Sen embargo, hai un temor ifundado a que estes compromisos políticos queden sen eficacia ao non converterse en actuacións administrativas concretas. Así o confirma o retraso actual na execución da materia optativa de lingua galega no sistema educativo berciano.

 

Para a comunidade galegofalante do Bierzo é moi importante que a nosa lingua se poida estudiar nos centros educativos. Isto permitirá a socialización en galego da mocidade e impedirá a actual creba na transmisión linguistica interxeracional. Este obxectivo educativo resulta viable e barato se temos en conta que a Xunta de Galicia e a Junta de Castela e León son as dúas administracións implicadas na súa execucion. Un esforzo institucional conxunto que poñerá a disposición do alumnado berciano uns medios pedagóxicos que facilitarán a aprendizaxe da nosa lingua galega.

 

 

A utilidade da nosa fala constatase coa declaración de "idioma oficial" de Galicia. Lingua ampliamente usada polos seus habitantes, así como polas administracións (Xunta, concellos, deputacións...) e que, polo tanto, permite a comunicación en/con esta Comunidade Autónoma. Ademais, facilita ao alumnado berciano continuar os seus estudios universitarios en calquera dos 7 campus galegos. E resulta un instrumento eficaz para atopar traballo público e privado en Galicia. O seu coñecemento posibilita tamén o acceso aos medios de comunicación (TVG, radios, prensa...), así como ás novas tecnoloxías da información (lnternet, telefonía móbil, DVD, CD-ROM...).

 

Non podemos rematar sen comentar que a nosa lingua ten moita semellanza coa portuguesa, idioma tamén oficial da Unión europea. É dicir, outra opción de futuro para o alumnado berciano a través das universidades lusas e das bolsas de estudios europeas (Erasmus). Falamos dun espacio galego-portugués con máis de 200 millóns de cidadáns (Galicia, Portugal, Brasil, Angola...) ao cal estamos vencellados culturalmente. En fin, O Bierzo participa historicamente de dous dominios linguisticos, galego e castelán, e non hai razón, nin legal nin lexítima, para que deixe de ser así no século XXI. Todos temos a obriga de defender o plurilingüísmo secular comarcal.