Descentralización e Consello do Bierzo

Miguel Gutiérrez Suárez


Quizáis a recente polémica institucional entre o Presidente da Deputación leonesa e do Consello do Bierzo da a razón a aquelas persoas que sosteñen que as administracións locais como estas últimas son ou inútiles ou útiles "para si mesmas". É certo que tras oito anos de funcionamento os problemas competenciais e económicos seguen en pe. Este Consello creado pola Lei 1/1991 de Castilla y León, creado para satisfacer a demanda de autogoberno berciano, se ben regula o seu funcionamento, rexime eleitoral e funcións que pode desempeñar, non establece os mecanismos para levar á práctica dita descentralización. Ata a data non se ten realizado por parte da Junta movemento algún para poñer en marcha a sua propia creación, deixando que o propio Consello se esnafre nas suas reiteradas peticións ante as institucións provinciais e autonómicas. Está claro que son os municipios do Consello e a Deputación leonesa os que deben ceder ou delegar as suas competéncias. No caso municipal é máis complicado polas limitacións recollidas no art. 42.4 da Lei de Bases de Réxime Local e pola existencia de varias Mancomunidades de servizos que xa existen no territorio. Pero se temos en conta que as "Comarcas" son entes intermedios entre o Municipio e a Deputación e que o seu obxectivo é a descentralización de servizos, resulta lóxico que a institución que deberia  empezar a facelo é esa última, se non estas comarcas perden totalmente o seu sentido práctico. É aqui onde as diversas administracións competentes e os responsables políticos deberian empezar a chegar a acordos para encher de contido a un Estatuto de Comarcalización que non ten satisfeito os seus obxectivos. A Deputación peca de inmobilismo ao rexeitar unha descentralización administrativa que é a base sobre a que se creou e aprobou a actual Constitución. A actual situación de cousas ven a demostrar que o único motivo para crear esta entidade local foi a meramente política nunha época na que a maior parte da sociedade berciana demandaba un cambio radical nas relacións Bierzo-Deputación de León.