O Bierzo e a identidade cultural

Anxo X. Rodríguez Meraio


Cando falamos de cultura, todos pensamos no conxunto que compoñen os costumes, carácter, tradicións, língua,...dun determinado grupo de xente. Isto é real na maior parte dos casos pero non é tal no caso da nosa comarca. O Bierzo está a vivir unha cultura que non lle corresponde nin por asomo, esto pode soar a chinés para a maior parte dos bercianos que prefiren manterse pasivos diante do engano secular dos que están da outra parte do Manzanal.

Polo tanto non só vivimos baixo unha anexión política por parte deles senón que esta tamén pretende ser cultural. Cousa moi triste para calquera pobo do mundo, ao perder isto perdemos todo o que nos caracteriza e deixamos que xente de fóra decida por nós en tódolos eidos. Tal problema é moi grave, xa que falamos dun problema de identidade. E así por outra parte temos os que levan anos tentando "fabricar" unha identidade para O Bierzo. Estes non se dan, ou non se queren dar conta, de que a cultura ten que ser cousa do pobo e non se inventa da noite á mañá. Nós xa temos unha propia identidade, só temos que mirar o redor e deixar de lado os prexuizos.

Pero claro, o problema está en que a case ninquén se lle ocorre dicir que temos que ver con Galiza. Poderán ter avós ou pais que falen galego, estarán nunha banda de gaitas ou terán un hórreo na casa da aldea, pero nunca dirán que son galegos. Isto por suposto non son as únicas características que definen ser galego pero son algunhas das máis notórias. Tal cousa é así porque aquí «gallego» en moitos casos considerase sinónimo de pobre e ignorante. E cando un berciano sae fóra e lle preguntan se é galego, no meirande parte dos casos vai contestar anoxado que non. Como se ser galego fose motivo de humillación.

Por autra parte ternos a denominación popular da fala galega do Bierzo, o chapurreao, nome que desprestixia máis se cabe a nosa lingua relegándoa a un simple dialecto. Esta situación podemos denominala corno asimilacionismo cultural, no cal unha cultura maioritaria trata de que a outra non conserve os seus costumes nin a súa identidade cultural para que adopten os dela. Isto que ocorre de xeito fortísimo na Galiza administrativa é un feito aplastante no nosa comarca. Dende a Junta de Castilla y León, cada vez poñen máis trabas ás nosas peticións da implantación do galego optativo nas escolas, pretendendo facer unha serie de enquisas aos pais para determinar se a petición é xeralizada. Isto soamente é unha decisión politica, e non é algo nen útil nen necesario. Porque ata na Constitución española está contemplada a protección das linguas minorizadas anque non sexan oficiais. Esta decisión política, a parte de non ter en conta a realidade social e cultural do Bierzo, non se fixa nas vantaxes pedagóxicas da aprendizaxe desta lingua nin nas oportunidades laborais que abre o seu coñecemento.

E por último dicir que só temos que abri-los nosos ollos, sentirnos orgullosos do que temos e non deixarnos condicionar por unha fronteira feita de intereses políticos e económicos e que non contempla a realidade socio-cultural da nosa xente.