Make your own free website on Tripod.com

A REIVINDICACIÓN LINGÜÍSTICA NO BIERZO

Xabier Lago Mestre


A mínoría lingüística galega do Bierzo ten moitos problemas para o seu desenvolvemento cultural por estar inserida nunha sociedade maioritariamente castelá. Dende logo non é doada a existencia dos galegofalantes cando comproban a cotío a perda de funcionalidade da súa lingua territorial. As presións ideolóxicas a que se ven sometidos polo poder político, as administracións públicas, os medios de
comunicación, etc. fan que moitos membros da comunidade lingüística galega tomen o camiño forzado da aculturización.

A resistencia secular da sociedade castelá a conceder dereitos culturais á minoría galegofalante condiciona negativamente a toma de conciencia
lingüística desta última. Sen embargo, non se pode negar a evidencia de que durante os últimos anos a reivindicación lingüística no Bierzo está tomando novos folgos. A reclamación cultural avanza progresivamente, iso si, paseniño. O exemplo recente témolo na profundización no activismo lingüístico que se está producindo ao longo do 2001, o declarado coma Ano das Linguas Europeas. Cómpre facer un percorrido
rápido polo contido das principais actividades desenvolvidas para coñecer mellor a nosa problemática.

O ano comezou cun acontecemento salientable: a declaración de cooficialidade do galego no concello da Veiga do Valcarce (24 de febreiro). Feito reivindicativo que posteriormente tamén tivo lugar no
concello de Lubián, nas Portelas da Alta Sanabria. Nembargante as presións da Junta de Castela e León forzaron a revogación do acordo de cooficialidade tomado no primeiro concello. Hai que comentar que a
dita iniciativa municipal foi unha actuación valente que animou moito o debate comarcal sobre a necesidade dunha maior protección da lingua galega no Bierzo.
Dende o punto de vista xurídico unha declaración de cooficialidade semellante só se pode realizar co abeiro legal, caso do recoñecemento expreso no Estatuto de Autonomía de Castela e León.

Pola outra banda, as presións, tanto a política comentada coma a social das organizacións culturais a prol da lingua galega, esixían unha
resposta insltitucional axeitada. Así, a sinatura do tan desexado acordo de cooperación para o ensino do galego entre as Consellerías de Educación da Xunta de Galicia e da Junta de Castela e León tivo lugar por fin en Vilafranca (18 de xullo). A tardía presentación do acordo, en pleno período vacacional, non favoreceu a ampla difusión pública do seu contido entre a comunidade escolar berciana. Isto condicionou unha
maior demanda entre os centros educativos comarcais, co comezo do presente curso 2001-02, xa que non lles deu tempo abondo para cumprir cos preceptivos trámites administrativos requiridos na execución da materia de lingua galega. 

Do contido do dito acordo interautonómico hai que comentar que é un texto con escasa concreción. Deixa o seu desenvolvemento nas decisións que tome a Comisión mixta de seguimento. De todos os xeitos xa hai certas actuacións tomadas que deben ser criticadas. Decidiuse comezar pola execución do ensino do galego en primaria, deixando para o curso 2002-03 a etapa secundaria. Este feito é totalmente contrario á demanda educativa actual, xa que se impide estudiar galego, un ano máis, ao alumnado berciano que opte por acudir ás universidades de Galicia no futuro.
Ademais, nada se comentou verbo do ensino do galego na Escola oficial de idiomas de Ponferrada ou na chamada "formación de adultos"; e dos cartos públicos só hai un compromiso pero sen especificiación de cantidade ningunha.

Os continuos adiamentos na execución axeitada do ensino da lingua galega no Bierzo obrigan ás organizacións culturais a presionar máis ás
institucións. Polo que se refire a Fala Ceibe, non dubidou en denunciar esta problemática discriminatoria ante o Procurador do Común (o Valedor do pobo rexional), as Cortes de Castela e León, o Parlamento
Europeo, etc. Ademais, con cada inicio de curso académico elabórase unha nova campaña reivindicativa a prol do ensino do galego dirixida á comunidade escolar berciana. Neste sentido preséntanse as vantaxes que supón o estudio do galego de cara ao futuro educativo e profesional do alumnado. Froito deste labor reclamativo este ano temos dous colexios, Cacabelos e Carucedo, que ofertan a lingua galega ao seu alumnado na etapa primaria.

Tampouco se descoida a relación periódicacos distintos partidos políticos. Dende hai anos procúrase que estes vaian tomando conciencia da necesidade de protexer e fomentar a lingua galega do
Bierzo. Trátase que o poder político valore máis e mellor o noso "feito lingüístico diferencial" fronte ao uniformismo cultural castelá que se propugna dende as terras do Leste. Destas xestións conseguiuse a
aprobación dunha resolución polo pleno do Consello Comarcal do Bierzo a prol da declaración do galego coma "lingua propia" (17 de maio). Síntoma claro de que algo está a trocar no seo dos partidos políticos
comarcais.

Outro aspecto a salientar da reivindicación lingüística no Bierzo é a peculiar relación que hai cos medios de comunicación. A pesar de que
maioritariamente utilizan a lingua castelá -só dous permiten o uso puntual do galego oral e escrito- as relacións que hai con eles son boas. ¿Razóns? ata hogano nunca a nosa reivindicación lingüística estivo tan presente nas informacións dos medios de comunicación do Bierzo. E mediante estes a nosa problemática cultural está callando na socieade que xa non a ve como algo alleo á realidade comarcal. Non se
pode negar que as noticias sobre o galego, aínda que sexa en castelán, favorecen a toma de conciencia bilingüe entre unha poboación moi mediatizada polo poder informativo. Velaí a razón de que o único xeito
de exercer a liberdade de expresión en galego sexa vía internet, aínda hoxe con escasa implantación no Bierzo.

Para rematar, dicir que a celebración do Ano das Linguas Europeas é un estímulo para a reivindicación cultural do Bierzo. Outro tanto cabe agardar do vindeiro Día das Letras Galegas, dedicado a frei Martiño Sarmiento, nado en Vilafranca do Bierzo.
Oxalá que as institucións galegas atopen a debida resposta por parte das bercianas na cooperación para a execución dos actos programados nesta comarca estremeira.