do Xornal "Redacción Xove"

TV en galego: un "soño prohibido" para O Bierzo

Os galegofalantes da comarca do Bierzo continúan a ver que os seus dereitos lingüísticos non son respectados nin sequera dun xeito pasivo, pois a Junta de Castela e León prohibe a instalación de repetidores da TVG e da Radio Galega, estando o galego de alí nos "Séculos Escuros" a nivel comunicacional. Ademais, a Xunta "galega" segue sen asumir a responsabilidade que ten neste tema polo Estatuto de Autonomía.

por Xabier Lago Mestre, coordenador do colectivo Fala Ceibe de Ponferrada

A Lei de Acompañamento dos Orzamentos Xerais do Estado para o Ano 2000 inclúe varias disposicións adiccionais referidas ás telecomunicaións. Do seu contido tiramos que terá autorización para emitir unha "televisión autonómica no ámbito xeográfico doutras, sempre que os espacios radioeléctricos correspondentes aos seus aámbitos territoriais sexan colindantes (...)". É dicir, trátase do que acontece no Bierzo co sinal da TVG. Dende hai tempo os habitantes desta comarca estremeira compartimos cos galegos o mesmo medio de comunicación. Sen embargo, decatámonos de que esta dinámica televisiva estaba tinxida de certa "ilegalidade", xa que non contaba co preceptivo mandato legal. Como en tantas ocasións anteriores, a realidade social vai por diante do sancionado polo dereito.

O comentado para as emisións da TVG na "franxa irredenta" é valido tamen para a Radio Galega. Cómpre lembrar que neste caso a susodita Lei estatal esixe que exista acordo entre as Comunidades Autónomas veciñas. Este feito é de grande importancia pois cremos que é un grande erro permitir a hipotética situación en que a Junta de Castela e León non permitise a recepción dos sinais de televisión e radio galegas no Bierzo. Xamais o lindeiro administrativo que afasta Galicia e O Bierzo terá lexitimación dabondo para recibir información, en galego, por parte da nosa minoría lingüística.

Neste sentido, unha lei xusta debería prever os graves perxuízos que unha indesexada disputa política entre as dúas Comunidades Autónomas veciñas podería provoca á minoría galegofalante do Bierzo. Hai certo temor á aplicación discreccional que desta Lei faga a Junta rexional, en base a un futuro reforzamento da súa identidade castelá-leonesa, e máis cando o noso colectivo lingüístico aínda carece da axeitada protección mediante o recoñecemento dun estatuto específico. Este perigo é real cando comprobamos que na recente concesión de emisoras de radio non se tivo en conta para nada a realidade plurilingüe do Bierzo, como un criterio máis de selección das ofertas presentadas.

A Xunta galega debe intervir

Para trocar a actual pasividade dos medios de comunicación cara ao galego fai falta a "intervención" institucional mediante as subvencións fomentadoras do noso idioma minorizado. A Xunta ten capacidade para incidir nesta dinámica, así o determina a Lei galega de Normalización Lingüística no referido á protección do "galego exterior". No fondo desta problemática xorde a necesidade do establecemento pleno da liberdade de expresión en galego no Bierzo. Falamos dun dereito fundamental da nosa minoría cultural aínda sen recoñecemento concreto.